lunes, 15 de julio de 2013

O HUMOR DE PETER PUNK E OS MOMENTOS MÁXICOS DO MAGA RAFA INAUGURAN A PROGRAMACIÓN DO CICLO “DÍA NACIONAL DE GALICIA”



Fechas de celebración: 15/07/2013 al 18/07/2013
Evento: Festival Cultural
Lugar: Plaza do Concello
Municipio: Fene
Comarca: de Ferrol
Provincia: Coruña

Lunes, 15 de julio:

‘Peter Punk’, a nova actividade da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia para a época estival, inaugurou na tarde de onte  a programación que se desenvolverá na Praza do Concello até o vindeiro xoves, 18 de xullo.


O novo circo de ‘Peter Punk’ combinou as máis variadas técnicas circenses cun humor adaptado á realidade e á lingua galegas, cuns diálogos e números pensados especialmente para presentar o idioma de Galicia como parte esencial da vida cotiá dos galegos.

Coma un neno que se nega a medrar, Peter Punk xogou en escena co público, coa palabra e, por suposto, con todos os aparellos que foi sacando da súa maleta. Un espectáculo cheo de humor e de malabares, no cal a comicidade se mesturou coa habilidade na procura da gargallada do público.

Durante 60 trepidantes minutos, o único protagonista do espectáculo amosounos a súa destreza con bólas, mazas, aros... fixo incribles figuras de globoflexia nun tempo récord e, como peche, puxo en perigo a súa vida nun final con fachos de lume. Todo isto co humor como elemento condutor.

Martes, 16:
  Ás 22 h. na Praza do Concello de Fene coa actuación do Mago Rafa, un espectáculo no que se convida aos espectadores a rir e a desfrutar duns verdadeiros “Momentos máxicos”. Combinando xogos incribles, maxia musical e moito humor, o Mago Rafa pretende con esta función “provocar incertidume, fuxindo de onde ninguén podería, trocando as leis físicas somentes coas súas mans e facendo dubidar a nenos e maiores da realidade cotiá, aínda que poñendo sempre un punto de esperanza e ilusión”.

Mércores, 17:
Festa dos Avós, desde ás 20:00 a 22:00 horas, actividade organizada pola Área de Benestar Social que se enfoca como unha xornada de convivencia na que se homenaxea ás persoas maiores e aos seus descendentes. No devir da xornada distribuiranse racións de paella, empanada e bola entre os asistentes. A cea será totalmente gratuíta, non así as bebidas que haberá que pagar.
Dende o Concello de Fene infórmase que a recadación que se obteña pola venda de bebidas destinarase a Cáritas.

Unha vez rematada a Festa dos Avós, comezará na mesma Praza do Concello, ás 22.30 horas, o espectáculo “Cantando a Galicia”, no que compartirán escenario Sito Sedes, Rosa Cedrón e Paco Lodeiro. “Cantando a Galicia” recupera, da man de grandes figuras do noso panorama musical, temas míticos da verbena clásica, dun xeito totalmente renovado, pero sen perder nin un ápice de sentimento. Trátase dunha homenaxe a aquelas grandes orquestras que amenizaron tantas noites máxicas, unha invitación ó baile que fará as delicias de calquera que se asome a esta posta de longo da festa galega. Para este espectáculo, Cedrón, Sedes e Lodeiro quixeron abarcar desde os clásicos máis recoñecidos como Lela ou Aí ven o Maio, ata temas de Los Tamara e Los Satélites ou autores como Andrés do Barro ou Ana Kiro, ademais de boleros, pasodobrles e cha-cha-chas.

Xoves, 18:
Concluirá en Fene o ciclo do Día Nacional de Galicia. Os actos desta derradeira xornada comezarán ás 19:00 horas no Monumento “Día da Patria Galega” coa lectura da Declaración Institucional, a cargo nesta ocasión de Nicolás Vidal (Fene, 1967). Xornalista responsable do suplemento cultural de Diario de Ferrol, Nico Vidal resultou gañador  do Premio Ánxel Fole 2008, convocado pola Fundación Caixa Galicia e El Progreso, cunha obra titulada “Purificación de Cora y Más Villafuerte, da prensa de partido ao xornalismo como empresa”. Ademais é autor, xunto con José Gómez Fandiño, do libro “Ferroláns de seu” (Ed. Embora). Pechará o acto o Coro Infantil Agarimo de Sillobre que interpretará o himno galego.

Tralo acto institucional, celebrarase tamén ese día na Praza do Concello, a partir das 20:30 horas, o VIII Festival de Habaneiras, coa participación das corais polifónicas de, San Valentín, O Pote de Maniños, Eterna Xuventude e das rondallas Estrelecer e Perla do Río.

No hay comentarios:

Publicar un comentario