viernes, 28 de octubre de 2011

LORENA SOUTO OBTÉN A XXIV EDICIÓN DO PREMIO NACIONAL DE POESÍA XOSEMARÍA PÉREZ PARALLÉ


O xurado da XXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé reunido hoxe en Fene acordou outorgar o premio deste ano á obra Fase de trema por atravesar os límites do persoal cara á construción dunha voz feminina colectiva, que transmite a tensión por non herdar nin transmitir un discurso patriarcal. O libro está construído con grande riqueza metafórica e varios niveis de lectura, permitindo unha achega sinxela pero sen renunciar a brindar sentidos máis profundos.
Aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Lorena Souto.

A autora, nada no Páramo, en Lugo, é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Fai parte do consello de redacción da revista Dorna. Textos seus viron luz en diversas publicacións colectivas como por exemplo as publicacións do Festival Internacional de Poesía do Condado, en Letras ou a propia revista Dorna.

O xurado desta edición do Premio estivo integrado polas escritoras Rosa Aneiros, Andrea Nunes Brións e Marica Campo.

O Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, instituído desde hai vintecatro anos polo Círculo Mercantil e Industrial de Fene convócase, seguindo a senda xa instituída polo “Segrel do Penedo” coa finalidade de promover a escrita literaria na nosa lingua, especialmente entre as novas xeracións.

Desde o ano 2005 o certame, convocado coa colaboración do Concello de Fene, premia un libro individual dun autor ou autora inédita procurando, deste xeito, abrir espazo para persoas que inician a súa andaina nas letras galegas. Desde entón, acadaron o certame Mario Regueira, Xiana Arias, Valentina Carro, Susana Sánchez Aríns, Ramón Neto e María Rosendo.

Lorena Souto súmase así a unha listaxe de nomes que fan parte dunha nova xeración poética que irrompe con pulo no panorama literario do país.

O premio para o autor da obra gañadora consiste na publicación do volume na colección de poesía Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello. Ademais, faráselle entrega dunha escultura conmemorativa deseñada especialmente polo ceramista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.

O acto de entrega do premio terá lugar o próximo 19 de novembro, sábado, ás 21.00 na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene.

No hay comentarios:

Publicar un comentario